PATOLOXÍA DE MOLUSCOS
     A Unidade de Patoloxía, (Departamento de Sanidade Animal) leva a cabo un programa de control patolóxico de moluscos coa intención de coñecer a evolución da situación patolóxica dos cultivos e bancos naturais das principais especies de moluscos bivalvos de interese económico na Comunidade Autónoma de Galicia e de dar cumprimento á lexislación.

   A rede de control mantense dende o ano 1999 e consta de máis de 60 puntos distribuídos estratexicamente ao longo de todo o litoral galego, permitindo realizar un seguimento periódico das principais zonas de produción de mexillón, ostras, ameixas e berberecho.

   Na Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), establécese que o INTECMAR ten como obxectivo xeral desenvolver un estrito e intensivo sistema de control sobre as características do medio mariño para darlle cumprimento formal á lexislación vixente en canto á produción de moluscos e outros organismos mariños, contribuír a desenvolver novas estratexias de explotación e comercialización baseada en ofertar produtos de óptima calidade con absoluta garantía sanitaria, desenvolver estudos de carácter científico-técnico destinados a facilitar os coñecementos necesarios para a correcta xestión dos recursos mariños e protexer e mellorar a calidade das augas. Puntualízase ademais que, dentro da competencia da Administración autonómica, e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros organismos, correspóndelle ao INTECMAR, entre outras potestades administrativas, a investigación para o coñecemento e control das patoloxías dos organismos mariños sometidos a explotación comercial mediante a pesca, o marisqueo e a acuicultura.

   O marco lexislativo europeo actual, relativo ás patoloxías que afectan aos moluscos, ten como referencia á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e ás indicacións que figuran no Código Sanitario para os Animáis Acuáticos e no Manual de Métodos de diagnóstico elaborados por esta organización. No Código Sanitario figura un listado de enfermidades de declaración obrigatoria polos estados membros da OIE (entre eles España).

   Dende outubro de 2006 contamos con unha nova Normativa Comunitaria (Directiva 2006/88/CE) relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, e á prevención e ó control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos. Esta Directiva diferenza dúas listas de enfermidades: exóticas e non exóticas. No caso dos moluscos, inclúense na lista de enfermidades exóticas as infeccións por Bonamia exitiosa, Perkinsus marinus e Microcytos mackini. Na lista de enfermidades non exóticas figuran as infeccións polos parasitos Bonamia ostreae e Marteilia refringens.

   As enfermidades listadas na Dir 2006/88/CE foron incorporadas ás listas da directiva de notificación de enfermidades dos animais da UE (Dir 82/94/CEE) na Decisión 2008/650/CE (como lista B. Animais acuáticos).

   En outubro de 2008, como transposición da Dir 2006/88/CE, publícase en España o Real Decreto 1614/2008 relativo aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, así como a prevención e o control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos. Este RD inclúe no seu anexo IV as listas das enfermidades exóticas e non exóticas especificadas na directiva europea.

   Por outra banda, contamos co Real Decreto 617/2007 que establece a lista das enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e regula a súa notificación, modificando o RD 2459/1996 (que traspoñía a Dir 82/894/CEE) con obxecto de adaptalo ao novo sistema de notificación de enfermidades da OIE. En este RD inclúese unha lista A coas enfermidades de declaración obrigatoria na UE e unha lista B coas de declaración obrigatoria en España. Este RD foi modificado pola Orde ARM/831/2009 actualizando as listas en consonancia coa nova lexislación europea. A lista A inclúe as enfermidades de declaración obrigatoria na UE conforme á Decisión 2008/650/CE, á Dir 2006/88 e á Organización Mundial da Sanidade Animal (OIE) e na lista B inclúe outras enfermidades incluídas na lista única da OIE que non aparecen na lexislación europea, pero que son igualmente de declaración oficial en España e de notificación á OIE, organización da que España é membro.

© 2010 INTECMAR, Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, Xunta de Galicia