|
|
As biotoxinas actualmente regulamentadas e controladas son de tres tipos: lipofílicas, onde se inclúen as DSP (Diarrhetic Shellfish Poisoning); PSP (Paralytic Shellfish Poisoning); e ASP (Amnesic Shellfish Poisoning). Os dous primeiros grupos de toxinas determinanse mediante ensaios biolóxicos, mentres que para a determinación das toxinas amnésicas emprégase a Cromatografía Líquida de Alta Eficacia.
A rede de mostraxe para o control das biotoxinas en viveiros de cultivo, está composta por 52 puntos primarios, estratéxicamente escollidos entre os considerados de máis rápida afectación, situados noutras tantas bateas de mexillón, con frecuencia de mostraxe mínima semanal e 126 puntos secundarios, complementarios dos anteriores, sitos tamén en bateas de cultivo de mexillón, cunha frecuencia de mostraxe variable, segundo as circunstancias concorrentes, no que se refire ós episodios tóxicos. Nesta rede, as mostras tomanse por alturas -de 1 a 5 metros, entre 5 e 10 metros, e a máis de 10 metros- para posteriormente poder facer análises de mostras integradas ou separadas.
A rede para o control de biotoxinas complétase con 16 puntos fixos para o mostraxe de mexillón de rocha, con frecuencia mínima de mostraxe semanal; 20 áreas de mostraxe de moluscos infaunais e 16 áreas de mostraxe de moluscos epifaunais, de frecuencia mínima de mostraxe tamén semanal, coincidindo cos períodos de explotación.
O conxunto de todos estes puntos de mostraxe, seguindo un determinado "Plano de Acción", tradúcense nun intensivo sistema de control analítico, que supón máis de 17.000 análises ó ano, e que evitan a presenza no mercado de produtos portadores de toxinas.
O "Plano de Acción", legalmente regulado, subdivídese en Plano A, en ausencia de biotoxinas e de fitoplancto tóxico; Plano B, en periodo de alerta, con fases B1, B2 e B3; Plano C, no que están prohibidas as extraccións, con fases C1, C2 e C3; e Plano D, co que se levantan as prohibicións.
|
|
|
|
|
|
O Plano A rexe cando non se detecta toxicidade nos organismos mariños, nin se observan condicións oceanográficas favorables para o desenvolvemento de especies fitoplanctónicas potencialmente tóxicas, nin estas aparecen nas augas en concentracións significativas. Neste Plano A, a mostraxe faixe cunha frecuencia semanal, empregándose únicamente os puntos primarios e manténdose permanente ó longo de todo o ano.
O Plano B1 actívase en ausencia de toxicidade nos organismos mariños, cando se rexistran condicións favorables para o desenvolvemento de fitoplancto potencialmente tóxico, aínda que non se observen en ningunha especie concentracións significativas. Nesta fase as mostraxes seguen tendo frecuencia semanal, efectuándose sobre puntos primarios, pero ven significar a primeira alerta.
O Plano B2 entra en acción cando aínda non se detecta toxicidade en organismos mariños, pero si se rexistra a presenza de especies fitoplanctónicas potencialmente tóxicas en concentracións significativas e as condicións oceanográficas son favorables para o seu desenvolvemento. Nesta fase a frecuencia mínima das mostraxes pasa a ser de 2 á semana, manténdose na rede primaria.
O Plano B3 ponse en vigor cando se detecta toxicidade nos organismos mariños, aínda que en niveis inferiores ós límites legalmente establecidos; existe un incremento significativo das poboacións fitoplanctónicas tóxicas e as condicións oceanográficas son favorecedoras do seu desenvolvemento.
Nesta fase, as mostraxes nos puntos primarios pasan a ser, como mínimo, de entre tres e cinco á semana, xa entran en liza as mostraxes en puntos secundarios e, de aconsellalo a situación, podense facer análises de mostras separadas por profundidades. Todo elo co fin de exercer o control máis exhaustivo posible na zona afectada.
Nas zonas de produción para as que se activa o Plano B3, os produtores teñen a obriga de dar conta ás autoridades sanitarias das extraccións que efectúen que, en calquera caso, estarán prohibidas entre as 20 e as 9 horas. As extraccións que puideran facerse nestas zonas a menos de 24 horas do seu peche, ó comprobarse que os índices de biotoxinas nela superan os límites legais establecidos, deberán ser sometidas a procesos analíticos.
O Plano C1 entra en vigor cando os niveis de toxicidade nos organismos mariños superan os límites legalmente establecidos; as condicións oceanográficas son favorables ó desenvolvemento do fitoplancto tóxico; e se rexistran incrementos nestas povoacións.
A activación deste Plano C1 implica a suspensión das extraccións nas zonas de produción afectadas, así como das actividades de cultivo que puideran darse nelas entre o serán e o amencer.
Nesta fase, a periodicidade mínima das mostraxes volta a ser dunha semanal, aínda que podería ser de tres á semana, de determinarse tecnicamente conveniente.
O Plano C2 actívase cando os niveis de toxicidade nos organismos mariños segue superando os límites establecidos legalmente, pero apreciándose xa condicións oceanográficas desfavorables para a proliferación de fitoplancto tóxico e descensos das poboacións fitoplanctónicas.
Nesta fase, as extraccións seguen prohibidas, así como calquera labor de cultivo que se pretendera facer entre o serán e o amencer. A frecuencia das mostraxes mantense en unha á semana, aínda que se poderían aumentar ata cinco, de considerarse conveniente.
O Plano C3 aplícase, cando persiste a toxicidade nos organismos mariños, por riba dos límites legalmente establecidos, pero rexistrándose descensos nos seus niveis, que os aproxima a eses límites legais. As condicións oceanográficas son desfavorables para o desenvolvemento de fitoplancto potencialmente tóxico e se aprecia un descenso significativo, ou mesmo a desaparición, das poboacións fitoplantónicas tóxicas.
Nesta fase seguen prohibidas tanto as extraccións, como as actividades de cultivo entre o serán e o amencer, pero increméntase a periodicidade mínima das mostraxes, que pasan a ser de tres semanais, podéndose aumentar ata cinco nas zonas que se considerase conveniente, de cara á máis áxil apertura de zonas, que se producirá ó obterse resultados negativos de dúas análises sucesivas, cun intervalo mínimo de 48 horas. No caso dos cultivos en viveiros flotantes, a segunda análise faise de mostras separadas por profundidades.
O Plano D entra en acción cando despois dun episodio tóxico os niveis de biotoxinas nos organismos mariños descenden por debaixo dos límites legalmente establecidos, unha vez comprobado este extremo en dúas análises sucesivas, tal como se dixo anteriormente, as condicións oceanográficas son desfavorables para o desenvolvemento de fitoplancto tóxico; e non existen poboacións de especies fitoplanctónicas potencialmente tóxicas, ou se rexistran en concentracións pouco significativas.
A posta en vigor deste Plano D implica a autorización para a reanudación das extraccións e a eliminación das limitacións ás actividades de cultivo vixentes no Plano C en calquera das súas fases. As mostraxes pasan a ser de dúas á semana.
Non obstante todo o anterior, a autoridade competente está facultada legalmente para proceder á "Prohibición Cautelar" de extracción de moluscos bivalvos nas rías, zonas de produción, distritos marítimos ou polígonos que, tendo en conta as condicións oceanográficas existentes, presenten risco de estaren afectados, cando concorra algunha circunstancia que imposibilite a realización dos controis regulamentariamente previstos, en tanto persistan as razóns que motiven tal imposibilidade.
Ver Lexislación aplicable
|
|