|
|
A Unidade de Patoloxía ten por obxectivo dar cumprimento á lexislación vixente relativa ós requisitos zoosanitarios dos animais e produtos da acuicultura, así como á prevención e control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos, através de duas redes de control patolóxico, unha para moluscos e outra para peixes de acuicultura.
O marco lexislativo europeo actual, relativo ás patoloxías que afectan aos moluscos, ten como referencia á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e ás indicacións que figuran no Código Sanitario para os Animáis Acuáticos e no Manual de Métodos de diagnóstico elaborados por esta organización. No Código Sanitario figura un listado de enfermidades de declaración obrigatoria polos estados membros da OIE (entre eles España).
|
Dende outubro de 2006 contase cunha nova Normativa Comunitaria (Directiva 2006/88/CE) relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, e á prevención e ó control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos. Esta Directiva diferenza dúas listas de enfermidades: exóticas e non exóticas. No caso dos moluscos, inclúense na lista de enfermidades exóticas as infeccións por Bonamia exitiosa, Perkinsus marinus e Microcytos mackini. Na lista de enfermidades non exóticas figuran as infeccións polos parasitos Bonamia ostreae e Marteilia refringens.
|
|
|
As enfermidades relacionadas na Directiva 2006/88/CE foron incorporadas ás listas da directiva de notificación de enfermidades dos animais da UE (Directiva 82/94/CEE) na Decisión 2008/650/CE (como lista B. Animais acuáticos).
|
|
En outubro de 2008, como transposición da Directiva 2006/88/CE, publícase en España o Real Decreto 1614/2008 relativo aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, así como á prevención e o control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos. Este RD inclúe no seu anexo IV as listas das enfermidades exóticas e non exóticas especificadas na directiva europea.
|
Por outra banda, o Real Decreto 617/2007 que establece a lista das enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e regula a súa notificación, modificando o RD 2459/1996 (que traspoñía a Directiva 82/894/CEE) con obxecto de adaptalo ao novo sistema de notificación de enfermidades da OIE. En este RD inclúese unha lista A coas enfermidades de declaración obrigatoria na UE e unha lista B coas de declaración obrigatoria en España. Este RD foi modificado pola Orde ARM/831/2009 actualizando as listas en consonancia coa nova lexislación europea. A lista A inclúe as enfermidades de declaración obrigatoria na UE conforme á Decisión 2008/650/CE, á Directiva 2006/88 e á Organización Mundial da Sanidade Animal (OIE) e na lista B inclúe outras enfermidades incluídas na lista única da OIE que non aparecen na lexislación europea, pero que son igualmente de declaración oficial en España e de notificación á OIE, organización da que España é membro.
A rede para o control patolóxico dos moluscos consta de 61 puntos de mostraxe, distribuidos estratéxicamente ó longo de todo o litoral galego, permitindo realizar un seguimento periódico das principais zonas de produción, co fin de coñecer o estado dos bancos e a súa evolución, e así detectar posibles patoloxías emerxentes.
Por outra parte, e mediante Convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, faise o seguimento e control das enfermidades dos peixes e da situación zoosanitaria das instalacións de acuicultura mariña de Galicia. Consecuentemente, a rede de puntos de mostraxe para este mester coincide coa situación das plantas de cultivo de peixe e centros de investigación e experimentación en acuicultura existentes en Galicia.
A determinación das distintas patoloxías de moluscos faise por histoloxía e o número de análises realizadas anualmente pola Unidade de Patoloxía do INTECMAR ven sendo de entre 600 e 650 de mexillón; 600-650 de ameixas; en torno a 500 de ostras (plana e rizada); e arredor de 400 de berberechos. Eventualmente analízanse outras especies, como navalla, coquina, reló, etc.
En canto ó número de ensaios por patóxeno, para os que o INTECMAR está acreditado, veñen sendo anualmente de entre 400 e 450 de Bonamia spp; entre 2.000 e 2.200 de Marteilia spp; e entre 1.450 e 1.500 de Perkinsus spp.
Ver Lexislación aplicable
|
|