Son enterotoxinas de natureza lipídica responsables de procesos patolóxicos de tipo entérico que afectan ao tracto dixestivo. É o grupo de toxinas cunha maior incidencia en Galicia tanto pola súa frecuencia temporal como pola súa extensión xeográfica.
A intoxicación por toxinas DSP vén acompañada de molestias gastrointestinais: diarreas, náuseas, vómitos, dolores abdominais e escalofríos. Os síntomas aparecen entre 30 minutos e varias horas (non máis de 12) despois de inxerir os moluscos, poidendo durar ata 3 días.
Os dinoflaxelados productores de toxicidade pertencen na súa meirande parte ós xéneros Prorocentrum e Dinophysis.
O método oficial para a súa determinación é o bioensayo en rato, aínda que tamén se analizan de forma paralela por CLAE, para obter información complementaria á proporcionada polo bioensaio. Aínda que a CLAE é da orde de 100 veces máis sensible, non foi oficialmente recoñecida por non dispoñerse comercialmente de todolos estándares necesarios para unha completa cuantificación das mesmas. O límite legal para considerar unha análise como positiva é a morte de dous dos tres ratos inxectados, antes de 24 horas.